Muller con puro

by

Ás veces é noxento; xúrovolo; o de ser tan cortado e iso. De novo trataba de enganarme a min mesmo dicindo que a timidez resultáballe atractiva a algunhas mulleres, unha movida en plan James Dean, quizais, ou algo semellante; só que o tal James Dean era fedorentamente guapo, e eu…en fin.

Apenas comera, non probara os tres primeiros pratos e só manducara un anaco pequeno de carne e unha pouca ensalada; en troques ao viño, champaña e licores varios déralles ben, así que tiña o estómago retorto como un trapo vello e a cachola, xa imaxinaredes, quedaría ben dicir que adormecía na brétema doce do alcohol, pero non: doíame cousa mala.

Fora so á voda; ao chegar sentei no lugar onde indicaba o cartaz da porta, nunha mesa redonda con outros sete imbéciles que seica eran parentes meus e do noivo. Como imaxinades non lles preguntei de quen viñan sendo e esas lerias; a verdade é que me importaba unha merda quen demo fosen. Tiñades que vernos, na miña vida ollara xuntos a tan patética colección de langráns. Iso xa me puxo de moi mala uva. Algunha das súas facianas soábame, outras nin iso. Non sei se eles estaban na mesma situación, pero o caso é que non pararan de esbardallar uns cos outros durante toda a comida, como se foran súpercolegas e todo iso. Berros, risos, brincadeiras varias, conversas psudoprofundas, máis risos…eu, de inicio, tratei de seguirlles o rollo e tal, sorríndolle a quen me falaba ou asentindo coa cabeza ás súas paridas; logo farteime, e adiqueime só a beber.

Cando comezou a soar a música a miña mesa baleirouse de súpeto. Deus, como me doía a tarteira! Ollei de esguello a mesa do meu carón. Só quedaba nela unha parella, un home de camisa azul, sen chaqueta, e unha muller de vestido negro; o resto dos invitados de esa mesa acudiran tamén ao baile como unha auténtica manada de búfalos. A muller era guapa de carallo, sen dúbida; levaba o cabelo negro recollido, e dese xeito lucía mellor o longo pescozo engalanado cun colar branco de contas enroscado nunha volta tripla. Escoitaba ao home cun ar ausente, sentada aínda na mesa. El, de pe, faláballe con ademáns melindrosos perto da orella; mentres, ela xogaba a estender polo mantel unha mancha de viño, axudada pola culleriña da sobremesa. Logo dun intre de acoso o home decidiu deixalo; mala sorte, rapaz, – pensei- ela tampouco baila.

Aínda despois de afastarse a lapa de azul a muller seguiu un anaco veña a fozar no mantel. Cando ergueu os ollos decatouse de que estaba a observala. Sorriu. De súpeto, deixou o tema noxento ese que estaba a facer coa culleriña e púxose a procurar algo na chaqueta pendurada na cadeira do seu carón. Con faciana de satisfacción sacou, do peto interior da chaqueta, un puro dos que repartiran na mesma voda. Sacou do bolso un chisqueiro e acendeu o cigarro.

Só nos semellabamos ignorar a música charramangueira que non deixaba de soar. Eu, nun acto de heroísmo impropio de min, cada vez ollaba á muller máis en fite, deixando a un lado o meu inicial disimulo. Fiquei abraiado polo xeito de fumar tan obsesivo da muller, coma se precisara do fume para sobrevivir; mentres, eu trataba de imaxinar a razón pola cal non fora bailar cando o resto e ficara, como eu, illada na mesa.

Se cadra era tímida (de novo como min), ou non gostaba de bailar, ou polo menos non con descoñecidos, ou quizais preferira quedar na mesa e roubar puros nas esquecidas chaquetas, furtivamente, como algo perigoso, prohibido; se era así eu era o seu cómplice, e iso, definitivamente, encantábame.

E nesas andabamos, ela veña a tirar do puro e eu a anestesiar a miña dor de cabeza ollando o seu pelo negro entre o fume, que ascendía, como branca esperma, cara o teito do salón de vodas. Decidín ir a por todas; cando rematase o puro convidaríaa a bailar comigo.

Logo dunhas chuchadas máis fartouse do cigarro e matouno no cinceiro, e eu veña a cavilar en si vou ou si non vou; agora me ergo, agora sento. E dígovos que así estivemos un bo intre, eu coas mans suadas e todo, ata que volveu a lapa da que antes vos falei, o tipo aquel da camisa azul e ar de chuliboy, e veña de novo a comerlle a orella e poñerlle facianas melindrosas. E ela sorríalle, abertamente, que era o que máis me fodía, porque o seu cómplice era eu! Sentinme parvo, o máis merdán do universo, agora bailaría, si, pero con aquel baboso. Pero a cousa iría aínda a peor; a muller comezou a gardar tódalas súas cousas no bolso: a carta da comida (de recordo), o chisqueiro, o agasallo para as donas… El, mentres, puña a chaqueta e sorríalle ao mundo, gabándose da súa vitoria. Íanse xuntos! Podía ser peor? Daquela o tipo termou da cadeira da miña fumadora por atrás e tirou dela suavemente ata afastala da mesa. Con faciana de parvo vin como a metade do seu corpo esvaraba entre as mesas, perseguido polo home. Os imbéciles seguían a bailar, pero afastábanse para deixar un corredor por onde puidera pasar a cadeira de rodas da muller do puro. Antes de saír pola porta adicoume o derradeiro sorriso da velada, ou iso creo.

Advertisements

Unha resposta to “Muller con puro”

  1. eu Says:

    Gustame esta historia, gustame moito.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: