O baile de San Xoan

Marzo 19, 2009 by

Noa abriu o armario, no interior atopou tres perchas roídas e unha balda torta. Un cheirume a naftalina inundou de súpeto o dormitorio valeiro. Nunha esquina atopou unha bolsa das que se utilizan para cubrir abrigos e outro tipo de prendas.
Nerviosa tirou da tela gastada, deixando ó descuberto un precioso vestido azul. Despois de espirrar un par de veces por mor do lixo, Noa meteu a cabeza na tela suave, sacou unha man por aquí, logo outra man por acolá, acomodou dun lado e de outro… coma un guante.
Cando o reloxio deu as seis, empezaron a chegar os convidados.
A primeira en aparecer foi Langariña, cos seus ollos cor púrpura e a cara redonda como unha bola de nata. Sorrinte saiu do armario.
Detrás viña Odín co pelo loiro e un penacho verde no medio e medio da cabeza.
Górgaman o león vermello tiraba dun carruaxe, o dos cen mariñeiros defuntos.
Luxinia traía un cesto cheo de sandías para a ocasión.
Garabis e as tres avelaíñas de cores, o conde do Lusco e Fusco, as anduriñas choromicas. Os Papagalos de Portugal e os longueiróns borrachos pechaban a procesión.
A música comenzou a sonar das mans da Rondalla da Chafalla, que posuía os instrumentos máis melódicos que poidades imaxinar.
Un deles levaba un acordeón feito de mil follas, unha de nata, outra de merengue, outra de crema, de chocolate, de fresa, de café, de plátano, ningún sabor repetido, había follas de pera redonda, e outras de cereixas confitadas, outras sabían a licor café ou a pastel de polo e calabaza, a repolo con cebolas ou incluso a rodaballo.
Outro levaba a coñecida trompeta dos desexos.
Con cada acorde, aqueles que escoitan, recordan un desexo esquencido.
Comenza o baile.

o tema de febreiro

Febreiro 18, 2009 by

baile1o tema deste mes  é o baile en todas as súas posibles variantes así que a escribir.

Muller con puro

Febreiro 18, 2009 by

Ás veces é noxento; xúrovolo; o de ser tan cortado e iso. De novo trataba de enganarme a min mesmo dicindo que a timidez resultáballe atractiva a algunhas mulleres, unha movida en plan James Dean, quizais, ou algo semellante; só que o tal James Dean era fedorentamente guapo, e eu…en fin.

Apenas comera, non probara os tres primeiros pratos e só manducara un anaco pequeno de carne e unha pouca ensalada; en troques ao viño, champaña e licores varios déralles ben, así que tiña o estómago retorto como un trapo vello e a cachola, xa imaxinaredes, quedaría ben dicir que adormecía na brétema doce do alcohol, pero non: doíame cousa mala.

Fora so á voda; ao chegar sentei no lugar onde indicaba o cartaz da porta, nunha mesa redonda con outros sete imbéciles que seica eran parentes meus e do noivo. Como imaxinades non lles preguntei de quen viñan sendo e esas lerias; a verdade é que me importaba unha merda quen demo fosen. Tiñades que vernos, na miña vida ollara xuntos a tan patética colección de langráns. Iso xa me puxo de moi mala uva. Algunha das súas facianas soábame, outras nin iso. Non sei se eles estaban na mesma situación, pero o caso é que non pararan de esbardallar uns cos outros durante toda a comida, como se foran súpercolegas e todo iso. Berros, risos, brincadeiras varias, conversas psudoprofundas, máis risos…eu, de inicio, tratei de seguirlles o rollo e tal, sorríndolle a quen me falaba ou asentindo coa cabeza ás súas paridas; logo farteime, e adiqueime só a beber.

Cando comezou a soar a música a miña mesa baleirouse de súpeto. Deus, como me doía a tarteira! Ollei de esguello a mesa do meu carón. Só quedaba nela unha parella, un home de camisa azul, sen chaqueta, e unha muller de vestido negro; o resto dos invitados de esa mesa acudiran tamén ao baile como unha auténtica manada de búfalos. A muller era guapa de carallo, sen dúbida; levaba o cabelo negro recollido, e dese xeito lucía mellor o longo pescozo engalanado cun colar branco de contas enroscado nunha volta tripla. Escoitaba ao home cun ar ausente, sentada aínda na mesa. El, de pe, faláballe con ademáns melindrosos perto da orella; mentres, ela xogaba a estender polo mantel unha mancha de viño, axudada pola culleriña da sobremesa. Logo dun intre de acoso o home decidiu deixalo; mala sorte, rapaz, – pensei- ela tampouco baila.

Aínda despois de afastarse a lapa de azul a muller seguiu un anaco veña a fozar no mantel. Cando ergueu os ollos decatouse de que estaba a observala. Sorriu. De súpeto, deixou o tema noxento ese que estaba a facer coa culleriña e púxose a procurar algo na chaqueta pendurada na cadeira do seu carón. Con faciana de satisfacción sacou, do peto interior da chaqueta, un puro dos que repartiran na mesma voda. Sacou do bolso un chisqueiro e acendeu o cigarro.

Só nos semellabamos ignorar a música charramangueira que non deixaba de soar. Eu, nun acto de heroísmo impropio de min, cada vez ollaba á muller máis en fite, deixando a un lado o meu inicial disimulo. Fiquei abraiado polo xeito de fumar tan obsesivo da muller, coma se precisara do fume para sobrevivir; mentres, eu trataba de imaxinar a razón pola cal non fora bailar cando o resto e ficara, como eu, illada na mesa.

Se cadra era tímida (de novo como min), ou non gostaba de bailar, ou polo menos non con descoñecidos, ou quizais preferira quedar na mesa e roubar puros nas esquecidas chaquetas, furtivamente, como algo perigoso, prohibido; se era así eu era o seu cómplice, e iso, definitivamente, encantábame.

E nesas andabamos, ela veña a tirar do puro e eu a anestesiar a miña dor de cabeza ollando o seu pelo negro entre o fume, que ascendía, como branca esperma, cara o teito do salón de vodas. Decidín ir a por todas; cando rematase o puro convidaríaa a bailar comigo.

Logo dunhas chuchadas máis fartouse do cigarro e matouno no cinceiro, e eu veña a cavilar en si vou ou si non vou; agora me ergo, agora sento. E dígovos que así estivemos un bo intre, eu coas mans suadas e todo, ata que volveu a lapa da que antes vos falei, o tipo aquel da camisa azul e ar de chuliboy, e veña de novo a comerlle a orella e poñerlle facianas melindrosas. E ela sorríalle, abertamente, que era o que máis me fodía, porque o seu cómplice era eu! Sentinme parvo, o máis merdán do universo, agora bailaría, si, pero con aquel baboso. Pero a cousa iría aínda a peor; a muller comezou a gardar tódalas súas cousas no bolso: a carta da comida (de recordo), o chisqueiro, o agasallo para as donas… El, mentres, puña a chaqueta e sorríalle ao mundo, gabándose da súa vitoria. Íanse xuntos! Podía ser peor? Daquela o tipo termou da cadeira da miña fumadora por atrás e tirou dela suavemente ata afastala da mesa. Con faciana de parvo vin como a metade do seu corpo esvaraba entre as mesas, perseguido polo home. Os imbéciles seguían a bailar, pero afastábanse para deixar un corredor por onde puidera pasar a cadeira de rodas da muller do puro. Antes de saír pola porta adicoume o derradeiro sorriso da velada, ou iso creo.

1,2,3 probando

Febreiro 17, 2009 by

1, 2, 3… probando, probando…. si,sí….hola.hola…..

respira fondo, apreta os beizos e comeza a saborear a adrenalina que se prende no seu nariz antes de cada espectáculo. Todo comezará nun intre e el xa está preparado.

Acéndense as luces, a máquina comeza a fumear….alá imos.

Ponse en posición mentres comeza a soar a música, marca os pasos de vagar; o pé dereito á esquerda, o pe esquerdo á dereita, a man no peito. Os pasos van definindo o símbolo do infinito mentres buscan oco entre a xente.

BACHATA RICA!!

As luces cambian de forma e cor dunha maneira frenética mentres o simbolo do infinito dos seus pés faise mais e mais amplo conforme a xente comeza a desaparecer. Co brazo dereito a aperta a ela, etérea, suave, lixeira…A eternidade dos seus pasos vóltase mais liviana e levadeira en compania, doble paso infinito. Presencia divina.

PASODOBLE ESPAÑOL

o infinito voltase cadrado marcial e uniforme, un pé para adiante outro para atrás. A suor percorre a súa fronte e o cadrado desfaise en formas mais irregulares: agora un rombo, agora un pentágono. Figuras xeométricas que derivan nunha espiral na que todo, as luces, a xente, o chan…. desaparece. Só ela e a musica…. aperta o seu corpo para sentir a sua presenza suave e lixeira. E , avanzando, retrocedendo, rodando e xirando…sente que existe un mundo aparte no que só habitan os dous.

A 4 metros no espazo, pero unha eternidade espiritual, a xente observa, con mais desprezo que compaixón, ao vello tolo que baila só diante da orquesta Panorama.